Tuesday 30 de April de 2024

Feijóo reivindica o empredemento “como catalizador do talento que temos en Galicia” e recorda que a Xunta simplificou trámites e facilitou financiamento e asesoramento ás novas empresas


Lembra que a Lei do Emprendemento e a Competitividade Económica de Galicia recolle medidas como: deducións fiscais para emprendedores e investidores ou que os trámites legais para constituír unha empresa poidan cumprirse en só 24 horas

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou, o emprendemento “como catalizador do talento que temos en Galicia” e recordou que nos últimos anos a Xunta simplificou trámites e facilitou financiamento e asesoramento ás novas empresas. “Desde 2009, na Xunta estamos a impulsar o emprendemento en Galicia desde dúas perspectivas diferentes e complementarias: reducindo as trabas burocráticas e achegando asesoramento e financiamento aos emprendedores”, precisou.

Durante a V Edición do Premio Joven Empresario de Galicia, organizada pola Federación Galega de Xoves Empresarios-AJE Galicia, Feijóo lembrou que a redución das trabas ao emprendemento plasmouse na Lei do Emprendemento e a Competitividade Económica de Galicia que recolle medidas como: deducións fiscais para emprendedores e investidores; que os trámites legais para constituír unha empresa poidan cumprirse en só 24 horas; ou a supresión con carácter xeral da obrigación de obter unha licenza municipal previa á apertura dun negocio.

“Deste xeito, simplificamos o proceso polo que unha idea se traduce nunha empresa”, incidiu, logo de subliñar tamén que os galegos menores de 30 anos que queiran constituírse como autónomos “non pagan nin un euro de cota á Seguridade Social durante o primeiro ano de actividade”.

Así mesmo, Feijóo recordou que a última das medidas da Xunta para eliminar trabas administrativas aprobouse hai só unha semana coa a creación da oficina Doing Business, que permitirá aos cidadáns, as empresas e as asociacións identificar aqueles trámites que supoñen un obstáculo para a creación de emprego e riqueza.

Durante a súa intervención, o responsable do Executivo autonómico referiuse ademais á creación da Unidade Galicia Emprende, que atendeu a case 1.500 promotores de novas empresas, que presentaron máis de 500 proxectos, dos que 186 acabaron constituíndose en empresas. “Ademais, a Rede Galega de Empresarios Mentores suma xa 150 expertos, 150 veteranos empresarios con vontade de achegar aos novos o coñecemento gañado durante toda unha vida. Máis de 170 emprendedores beneficiáronse xa dos seus servizos”.

Nesta mesma liña, Feijóo destacou tamén a creación das aceleradoras de empresas para identificar os proxectos con máis potencial no mercado e darlles o impulso inicial preciso para consolidarse. “Foi así como naceu Galicia OpenFuture en Santiago, as dúas aceleradoras VíaGalicia en Vigo e Lugo e Agrobiotech en Lugo e Ourense”, explicou, ao que engadiu a apertura de cinco novas aceleradoras de empresas –en colaboración coa Escola de Organización Industrial- en Cabana de Bergantiños, Monforte, Mondoñedo, Celanova e Xinzo de Limia; “e, tamén abrimos outra no concellos de Ferrol, nunha das comarcas que máis precisa dinamizar e diversificar a súa actividade empresarial”.

Por outra banda, o titular da Xunta apelou á estabilidade, á confianza e á planificación como factores fundamentais para soster e impulsar o crecemento económico. E, ao respecto, salientou que o Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020, elaborado conxuntamente coa sociedade civil, establece as prioridades de cara ao final da década.

“Estamos a falar –dixo- dun documento que recolle os nosos grandes obxectivos: unha Galicia que creza de xeito sostido, que cree emprego, que invista máis en I+D+i e cun menor abandono escolar temperán”.

Feijóo concluíu a súa intervención felicitando aos premiados e destacando o labor de asociacións como AJE Galicia para consolidar o crecemento económico da comunidade; “axudan –aseverou- a que se visibilice que en Galicia hai grandes emprendedores”.